Saturday 27 de April de 2024

Costa da Morte amósase en FITUR 2024 como un destino atractivo para visitar en calquera época do ano


O presidente da CMAT, Manuel Muíño, presentou no stand de Turismo de Galicia o vídeo ‘Costa da Morte, Destino Turístico Starlight´, que convida a visitar e descubrir un “territorio único”

O secretario da CMAT, Pepe Formoso, deu a coñecer o libro ‘Rutas Turísticas pola Costa da Morte’ de Xan Fernández Carrera

Parte da directiva da CMAT reuniuse en Feira Internacional de Turismo coa directora de Paradores, Raquel Sánchez, para propoñerlle que o Parador da Costa da Morte reduza o tempo de peche na tempada baixa

Mar e praias salvaxes, natureza, patrimonio, cultura, gastronomía, solpores, ceos estrelados… O novo vídeo que promociona a Costa da Morte, que leva por título Costa da Morte, Destino Turístico Starlight, trata de sintetizar a esencia do xeodestino, un territorio que vende en FITUR 2024 os seus atractivos para ser visitado en calquera época do ano. O presidente da Costa da Morte Asociación Turística (CMAT), Manuel Muíño, foi o encargado de presentalo esta mañá no stand de Turismo de Galicia. O vídeo, aproveitando o recente recoñecemento de Destino Turístico Starlight que agora cumpre un ano, convida a visitar e descubrir “un territorio único”.

A presenza da CMAT en FITUR estivo liderada polo seu presidente, Manuel Muíño, alcalde do Concello de Zas. Ademais, representantes de todos os concellos do xeodestino estiveron presentes na Feira Internacional do Turismo, xunto cos membros da Xunta Directiva da CMAT e os representantes da Asociación de Profesionais Turísticos da Costa da Morte (APTCM), Pepe Formoso e Damián Álvarez.

“A Costa da Morte ofrece un turismo sostible de experiencias únicas”, destacou Manuel Muíño, quen considera que o xeodestino logra concentrar nun único territorio unha variada e atractiva oferta turística. “Ofrecemos unha gastronomía vinculada ao mar e tamén ao agro e á terra; temos un rico patrimonio con dolmens, castros; a nosa paisaxe ofrece costa e tamén interior…”. O presidente da CMAT, satisfeito coa presenza da Costa da Morte en Fitur e co interese dos visitantes en coñecer o xeodestino, considera que o turismo no territorio atópase “nun punto de madurez” no que é preciso “medrar ordenadamente” apostando tamén pola “desestacionalización”. Manuel Muíño, que lembrou que se están a esgotar os materias promocionais da Costa da Morte e as guías e mapas a disposición dos visitantes da feira, tamén destacou a calidade dos establecementos turísticos de todo o territorio. Expresou o seu agradecemento a todos os concellos e ao sector turístico local, en especial a APTCM, pola súa participación activa e apoio constante.

Oportunidade única

O pasado ano, tamén en FITUR, a Costa da Morte celebraba a súa certificación como o cuarto Destino Turístico Starlight de Galicia e o primeiro na provincia da Coruña. Manuel Muíño subliñou que “o astroturismo, una tendencia global en crecemento, presenta unha oportunidade única para a Costa da Morte”. E destacou “o interese por aproveitar este recurso turístico por parte de todos os axentes implicados, tanto do eido público como do privado”.

Pola súa banda, Pepe Formoso, secretario da CMAT e presidente da APTCM, falou, tras a presentación do vídeo Costa da Morte, Destino Starlight, da campaña Meses con R, aposta segura e presentou en primicia o libro de Xan Fernández Carrera Rutas turísticas pola Costa da Morte”. “Un xeodestino precisa ter bibliografía para que os visitantes poidan adentrarse neste espazo”, apuntou Pepe Formoso, quen destacou o valor da guía para quen queira coñecer o xeodestino a través de rutas en coche, a pé… O presidente de APTCM tamén lembrou que “FITUR supón un paso imprescindible para consolidar a Costa da Morte como un dos destinos turísticos máis completos; a nosa rica herdanza cultural e natural, a nosa gastronomía e artesanía, ofrecen unha experiencia total para os visitantes; seguir neste camiño, valida os nosos esforzos e apunta a un futuro prometedor para o noso destino”.

Pola súa banda, o vogal da CMAT e secretario de APTCM, Damián Álvarez Tajes, acompañado dunha profesional de márketing en representación da CMAT, participou en reunións de traballo con máis de vinte axencias e turoperadores de todo o mundo, presentando o destino Costa da Morte e obsequiándoos cun lapis de memoria co novo vídeo promocional e as edicións do mapa e da guía acabadas de publicar. “O interese pola Costa da Morte por parte dos profesionais do turismo medra cada ano”, destacou Damián Álvarez Tajes.

Reunión coa directora de Paradores

O secretario da CMAT e presidente de APTCM, Pepe Formoso, xunto con Damián Álvarez Tajes, mantiveron un encontro en FITUR onte xoves coa directora de Paradores, Raquel Sánchez. Propuxéronlle que o Parador da Costa da Morte, localizado en Muxía, reduza o tempo no que está pechado durante a tempadada baixa, co obxectivo de impulsar a desestacionalización e apoiar a creación de destino. Raquel Sánchez foi receptiva, como tamén o foi ante a posibilidade de que Paradores, unha entidade de capital público, apoie “un cambio de paradigma”, tal e como destaca Pepe Formoso. En que consistiría? Os representantes da CMAT e APTCM plantexáronlle á directora que Paradores, tal e como se ofrece aos seus hóspedes a oferta gastronómica dos restaurantes do xeodestino e as actividades de turismo activo, tamén poida ofrecer aloxamentos alternativos de calidade na Costa da Morte. Pepe Formoso pon un exemplo: “Cando chaman a Paradores solicitando unha reserva no Parador de Muxía e o establecemento está cheo ou pechado; desde Paradores ofrecen unha alternativa noutro Parador doutro lugar; o que pretendemos é que poidan ofrecer e suxerir a opción dun establecemento hoteleiro da Costa da Morte”. Porque, na súa opinión, “así é como se crea destino”, destaca secretario da CMAT, quen salienta que esta filosofía “está no ADN de Paradores”. Ao seu xuízo, “a colaboración, a unión entre todos os actores do sector turístico é fundamental”.

Tamén onte xoves, Manuel Muíño recolleu, no nome da CMAT, o Premio SICTED, un recoñecemento aos destinos certificados este ano coa distinción da Secretaría de Estado de Turismo, o Sistema de Calidade Turística en Destino.